Saturday 04 de May de 2024

O Concello homenaxeará a Rogelio Groba cun concerto no Teatro Colón o próximo 4 de marzo


O concerto, protagonizado pola Orquestra de Cámara Galega, será de balde ata completar capacidade

O programa inclúe algunhas das pezas máis estimadas polo propio autor

O acto, promovido polo Concello en colaboración coa Fundación Rogelio Groba, permitirá recordar a figura do que durante 23 anos foi director da Banda Municipal

O Concello da Coruña renderalle homenaxe á figura de Rogelio Groba cun concerto extraordinario a cargo da Orquestra de Cámara Galega o próximo 4 de marzo no Teatro Colón. A entrada será de balde ata completar a capacidade. Rogelio Groba, falecido o pasado 31 de decembro aos 92 anos, foi un dos principais compositores galegos do último século e deixou un enorme catálogo musical no que abordou todos os xéneros, así como un inmenso legado pedagóxico en toda a comunidade galega como profesor de varias xeracións de compositores, promotor dos conservatorios e de institucións musicais de gran calado artístico e tamén social.

O concerto de homenaxe, promovido polo Concello en colaboración coa Fundación Rogelio Groba, xirará en torno a dúas das súas obras máis queridas, “Intres boleses” e “Na barxa”, aínda que incluirá outras pezas, como o “Cuarteto nº1 D 18: Andante presto”, de Schubert, e outros microconcertos de Groba.

Rogelio Groba incorporouse en 1967 como director da Banda Municipal da Coruña, á fronte da cal estivo 23 anos, tempo no que ademais fundou a Orquestra de Cámara Municipal e a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña, centro no que foi profesor de Contrapunto e Fuga, de Harmonía e de Composición, ademais do seu director durante dúas décadas.

Formado no Real Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título superior en Composición con primeiros premios en Harmonía e en Contrapunto e Fuga, exerceu como director de banda en distintos puntos de Galicia (A Estrada, Tui e Ponteareas) e España (Pedro Muñoz, en Ciudad Real) e en 1962 trasladouse a Suíza, onde residiu durante sete anos e dirixiu con éxito distintas agrupacións musicais: Yverdon, Orbe e Perroy, no cantón de Vaud, Martigny e Saint-Maurice, no cantón do Valais. No país helvético, ademais, dirixiu a editorial musical Rauber, en Lausanne.

Da súa discografía pódese destacar a gravación feita pola Stuttgart Kammerorchester baixo a dirección de Maximino Zumalave de “Cantigas de mar” e “Intres boleses”, ou as realizadaspola London Symphony Orchestra da “Gran Cantata Xacobea” co coro London Voices; o “Concerto para violín e orquestra n.º 2 Confidencias”, con Pedro León como solista; e o “Concerto n.º 1 para cello e orquestra Fauno”, dirixido por Andrew Litton e con Mats Lidstrom como solista, así como as realizadas pola Orquestra de Cámara Galega dirixida polo seu fillo Rogelio Groba Otero do “Concerto para dous violíns e orquestra Arcaico” e do “Concerto n.º 2 para cello e orquestra Añoranzas”.

Precisamente a Orquestra Sinfónica de Galicia estreaba o pasado mes de novembro no Palacio da Ópera a súa última creación musical, a “Sinfonía n.º 16, Voces da terra”, na que o compositor volvía amosar o seu amor por Galicia, á que dedicou toda a súa vida e obra.

Á marxe da súa faceta como director, docente e compositor, escribiu ensaios e libros, entre eles 252 alalás, e desde 1990 dedicouse á creación musical. Ao longo da súa carreira foi distinguido con múltiples premios, como o Premio Internacional de Composición Dante Luini de Radio Televisión Suisse Romande (1973) ou o Premio da Crítica Galega (1979). En 1995 obtivo a Medalla Castelao e o Premio Internacional de Composición Auditorio de Galicia en 2004. Era membro do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, da Real Academia Galega de Belas Artes, e da Real Academia de San Fernando, de Madrid.

O programa completo para o concerto de homenaxe é o seguinte:
● R. Groba: Intres boleses
o Limiar
o Ao xeito de courante
o Ao xeito de gavota
o Ao xeito de friulana
o Ao xeito de minuete
o Ao xeito de xiga
● F. Schubert: Cuarteto nº 1 D 18: Andante presto
● R. Groba: Microconcertos
o Ter amores
o Liorta
o Adeus
o Teimosía
▪ Rogelio Groba Otero (violín)
▪ Alba Reirís (violoncello)
● J. Sibelius: Improntu
● R. Groba: Na Barxa
o O río
o O verde limón
o Unha vella
o Nosa Señora
o A túa porta
▪ Laura del Río (soprano)